Os contidos do libro


Co afán de ofrecer un eixe argumental historia musical en Galicia o máis despexado posible estruturamos o libro en seis bloques, adscritos a diferentes etapas históricas. Somos conscientes de que calquera periodización estrita e pechada sería un desatino, polo que exhortamos o lector intranquilo a que tome esta proposta de configuración cronolóxica simplemente como unha guía de lectura do devir musical en Galicia:
CAPÍTULO 1:  Reconstruímos parcialmente os primeiros pasos da música no noroeste peninsular sobre todo por medio de supostos, debido á ausencia de fontes de información musical durante os primeiros milenios. Inicialmente abordamos as hipóteses sobre o papel da música na “Prehistoria”; en segundo termo, amosamos o contexto no que a cultura castrexa puido empregar a música cunha finalidade máis definida; e finalmente, tratamos a complexa etapa de síntese da romanización.

CAPÍTULO 2: Centrámonos na revisión dos primeiros trazos musicais do cristianismo en Galicia durante a Alta Idade Media (aproximadamente entre os séculos V e XI). Aínda que sinalamos algunhas pautas sobre a música ao redor da caída do Imperio Romano de Occidente, o capítulo diríxese especialmente a describir: os ritos dos primeiros cristiáns, o treito da disgregación litúrxica en Galicia -especialmente delineando a música do período suevo até a implantación da liturxia hispánica cos visigodos- e posteriormente o canto gregoriano estandarizado.

CAPÍTULO 3: Arrimámonos á Baixa Idade Media (en torno aos séculos XII, XIII e XIV), incidindo nun período histórico que presume de ser un dos máis estudados pola historiografía musical galega. En primeiro lugar, resaltamos a relevancia acadada polo Códice Calixtino e os seus contidos, especialmente os musicais; en segundo termo,  definimos os perfís musicais da lírica galego-portuguesa por medio dunha revisión das cantigas de amigo de Martín Códax, das cantigas de Santa María e das cantigas de amor de Don Dinís do pergamiño Sharrer; e por último, aludimos brevemente á organoloxía que coñecemos grazas ás obras artísticas baixomedievais galegas, que poden situar o lector nunha paisaxe sonora sorprendente.

CAPÍTULO 4: Esclarecemos os principais cambios que supuxo a chegada da Idade Moderna (entre os séculos XV e XVIII) no eido da música e o ritmo de asimilación de correntes foráneas europeas -que marcaron o pulso dos períodos coñecidos comunmente na historia da música occidental como Renacemento, Barroco e Clasicismo-, así como as súas particularidades en territorio galaico. Sobre todo centrámonos na música relixiosa das capelas catedralicias, insistindo nas características musicais xerais, nos xéneros, nos cambios e nalgúns dos seus autores.


CAPÍTULO 5: Os dous capítulos finais forman parte dun todo, xa que plantexan o estudo da música na Idade Contemporánea (séculos XIX e XX), se ben para unha correcta exposición foi preciso realizar unha abordaxe en dous bloques. A formulación teórica que seleccionamos para este axitado período ciméntase sobre todo nun enfoque de tipo sociolóxico, facendo fincapé desde o punto de vista da historia da recepción na peculiaridade musical desta rexión, na que as preferencias de consumo musical influíron directamente no destino da composición e interpretación. No capítulo quinto perfilamos un contorno en terzos de século para o desenvolvemento das prácticas musicais decimonónicas, partindo inicialmente dunha contextualización xeral, para esclarecer seguidamente os principais elementos do ambiente musical galego -ao redor das capelas eclesiásticas e especialmente dos espazos de recreación profanos- e dos seus compositores, xéneros musicais e intérpretes.


CAPÍTULO 6: No derradeiro capítulo recalamos nas singularidades musicais do século XX, que pivotaron entre a tradición popular -entendida nun sentido amplo- e a innovación, xerando elementos que paseniñamente se foron arrimando ás vangardas. Para poder engarzar organicamente o contexto histórico coas contribucións musicais optamos por facer novamente unha distribución en terzos de século, tomando como feitos cruciais a Guerra Civil (1936-1939) e a finalización do franquismo na década dos setenta. En cada unha destas fases explicamos as ideoloxías que marcaron non só os proxectos de recuperación do folclore, senón tamén a música de creación, que se viu inmersa nun proceso de diversificación, ás veces en consonancia cos preceptos galeguistas e noutras ocasións seguindo tendencias estilísticas europeas, que abriron novos vieiros de creación e interpretación musical ás portas do século XXI. 



(Fotografías da deseñadora do libro, Rebeca Ces)

1 comentario: